A enseada

A enseada de San SimónA enseada de San Simón alberga o arquipélago, que está moi próximo á terra, xa que a praia da parroquia de Cesantes conforma unha lingua de area que apunta ás illas. Unha canle de auga separa as illas do continente, pero é imposible chegar á illa por unha vía que non sexa a marítima. Está situada nunha fermosa ría, a máis profunda e meridional das Rías Baixas galegas, que se angosta no Estreito de Rande, unidas as súas marxes pola emblemática ponte atirantada que no momento da súa inauguración, en 1978, era a de maior lonxitude do mundo.

Na enseada conflúen augas salgadas e doces grazas á desembocadura do Verdugo e do Maceira, creando un ecosistema único, con esteiros e zonas de marisma, con xuncos e colonias de patos, con garzas reais e moluscos, que elevaron este espazo á categoría de Zona de Especial Protección dos Valores Naturais e Lugar de Importancia Comunitaria na Rede Natura 2000.

A biodiversidade que propiciou a mestura de auga doce e salgada conforma un escenario típico das marismas, co xunco, a verdolaga mariña ou a spartina marítima como especies dominantes. A iso únense as chairas intermareais de area e limo que quedan ao descuberto cando baixa a marea nesta enseada de augas pouco profundas, que se converten en obxectivo de numerosas aves que atopan nos sedimentos dos fondos mariños o seu alimento e que lle ofrecen ao visitante afeccionado á ornitoloxía un magnífico espectáculo.

A enseadaGrandes colonias de patos de diversas especies coinciden na estación invernal con aves limícolas, capaces de emigrar a grandes distancias, frecuentes en medios acuáticos e moi aprezadas porque son un perfecto indicador da saúde ambiental do hábitat que ocupan, normalmente zonas húmidas que sofren continuas ameazas e alteracións. Entre elas figuran o chamado bilurico, típico das lagoas galegas, así como o mazarico chiador e o chorlito gris, que conviven con garzas reais, gaivotas e corvos mariños.

Os crustáceos, moluscos e cefalópodos achegan a fauna típica das rías galegas. Utilizan como refuxio e criadeiro o manto vexetal que lles proporcionan as pradarías de zosteba, coñecida como seda de mar, que ao favorecer os procesos de sedimentación orixina unha gran diversidade e produtividade biolóxica.