Protección

  • Gravado na pedra

A Lei do Patrimonio Cultural de Galicia ten entre os seus obxectos a protección e a difusión do patrimonio cultural de Galicia de forma que lle sirva á cidadanía como unha ferramenta de cohesión social, desenvolvemento sustentable e fundamento da identidade cultural do pobo galego. O marco legal tamén sinala a necesidade de investigar, valorar e transmitir ás xeracións futuras o noso patrimonio cultural. 

Estas tarefas forman parte do exercicio das competencias exclusivas da comunidade autónoma e exércense a través da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, se ben son traballos que precisan da colaboración de todas as administracións e as persoas en xeral.

As persoas propietarias, posuidoras ou arrendatarias e calquera titular de dereitos reais sobre bens protexidos integrantes do patrimonio cultural de Galicia están obrigadas a conservalos, mantelos e custodialos debidamente e a evitar a súa perda, destrución ou deterioración.