Aviso: Participación na Feira do libro infantil de Boloña (Italia)

Participación na Feira do libro infantil de Boloña (Italia)

A Xunta de Galicia participa na 60ª edición da Feira Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Boloña (Italia) onde promove as últimas novidades editadas para o público máis novo e facilita encontros profesionais entre escritores e editores. En total, difúndense preto de 200 publicacións, que se suman ao resto de actividades previstas.

O Goberno autonómico conta cun expositor propio con material informativo como o Catálogo do Libro Infantil e Xuvenil 2023, elaborado por Gálix co apoio da Xunta de Galicia que difunde 126 publicacións e 21 editoriais para nenos e adolescentes. A maiores, están presentes no expositor máis de 60 títulos doutras editoriais como Dos Acordes, Medulia, Bululú ou Almacén de Fábulas, entre outras. Habilítase tamén unha zona de reunións para que os profesionais poidan manter reunións de traballo e actividade comercial.

Este ano participan membros da Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI), como as ilustradoras Nuria Díaz Berride e Blanca Millán, entre outros, acompañadas por representantes da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades.

No marco do Plan Xeración Cultura, a Xunta impulsa estas accións de internacionalización onde as feiras do libro acadan un lugar destacado e para as que se habilitan anualmente liñas de axuda para contribuír a que os profesionais asistan a estes encontros. Tras Boloña, a Xunta posibilitará a presenza do libro galego xa nas próximas feiras internacionais de Bos Aires en abril, de Barcelona e Frankfurt no mes de outubro e de Guadalajara no mes de novembro.

 

Calendario de Feiras internacionais do libro 2023

Feira do libro infantil de Boloña (Italia): do 6 ao 9 de marzo

Feira do libro de Bos Aires (Arxentina): do 27 de abril ao 16 de maio

Feira do libro de Frankfurt (Alemaña): do 18 ao 22 de outubro

Feira do libro de Guadalaxara (México): do 25 de novembro ao 3 de decembro

Documentos relacionados

Comparte